O BNG volve contar con representación na corporación das Pontes logo da toma de posesión de Carmela Franco Caaveiro, Rocío Trastoy García e Celso Barro García como concelleiros.

Nun pleno extraordinario celebrado na mañá deste venres, os tres novos edís prometeron os seus cargos en sustitución de Francisco da Silva, Silvia Pardo e Raimundo Barro, que presentaban as súas respectivas dimisións entre abril e maio deste ano, deixando baleiras as tres cadeiras que acadaron os nacionalistas nos comicios de 2019.

Estes nomeamentos responden ao proceso de reestruturación que afronta o partido nas Pontes e supoñen un paso adiante de cara ás eleccións municipais de 2023 aínda que, como eles mesmos precisaron, será a asamblea a que determine quen vai ser o cabeza de lista do BNG e se este se atopa entre as concelleiras e o concelleiro que acaban de prometer os seus cargos.

Os novos edís, que recibiron a benvida por parte dos integrantes da corporación, contaron tamén co apoio dos exconcelleiros Silvia Pardo e Kiko da Silva, e doutros integrantes locais e tamén comarcais da súa formación, entre eles o alcalde de San Sadurniño, Secundino García, ou o deputado galego Mon Fernández.

EL PROGRESO