O primeiro bico, o primeiro baile, as primeiras miradas, os primeiros mozos. Se a Romaría da Fraga das Pontes falara, moito tería que contar das relacións que se forxaron varias décadas atrás baixo aqueles carballos. Os mesmos que este sábado presenciaron unhas merendas como as de hai 70 anos.
«Daquela a xente sabía o que facía», afirmaba Manolo Lamas, membro de No Cómbaro que, con Andrés Leira e os demais membros do grupo, ideou en 2019 unha iniciativa que, coa colaboración do Concello, chegou para quedar. «Non queriamos un concerto da Panorama, queriamos xusto isto, volver ás orixes da Fraga», engadía sobre unha cita que reuniu a unha decena de agrupacións —ademais dos organizadores, Pan.Sen.Fron, Batifoula, Canavella, Aquí e Alá, Son d’aquí, Os do Xalo, Alxibeira, Maghúa, Airiños do Eume e Antía e colaboradores— que puxeron a bailar ata aos máis preguiceiros.
Por se non fora pouco, o concurso de agarrados obrigou a sacar as armas ás máis de cen parellas que se animaron a danzar ao ritmo do vals, o pasodobre e a rumba para alzarse co premio, aínda que neste certame gañaban «os que tiñan máis picardía, máis compromiso e non os mellores bailadores». E para rematar unha competición que estivo precedida pola aparición da propia dona Rita, que se encargou de inaugurar o alumeado, soou Os tres pasos, unha polka do gaiteiro Freixo que, como el mesmo definiu no seu momento, é «competitiva e brincadeira».
Tampouco faltou o fotógrafo encargado de retratar aos presentes. Neste caso a encomenda foi para Santiago Nicolás Núñez, un «artesano de la foto» que, ademais de facer instantáneas, busca «conectar con las personas mientras esperan 10 minutos por la foto».
Todo facía volver atrás no tempo. Sentados arredor da mesa, estaban os do grupo Os Turgas, uns ponteses que non perderon a oportunidade de revivir unha festa que supoñía «toda unha liberación» e á que se acudía «coas sobras das festas do Carme». Eles puxeron en valor a idea de retomar a filosofía da Romaría da Fraga, «compartir a festa ao aire libre, todos xuntos, e non en casetas pechadas», de igual maneira que fixeron os membros da familia Lois, que agardan volver para o ano «e se se fai antes, tamén», ou as familias Formoso e Pena, que compartiron un ágape, con ponche e louza china incluída, e vestiron para a ocasión seguindo a mellor referencia: as fotografías dos antepasados.
El Progreso
Deja tu comentario