Adecuar a oferta de formación profesional ás demandas e necesidades do tecido industrial e produtivo é o obxectivo co que as consellerías de Emprego e Igualdade e de Cultura, Educación e Universidade se uniron para promover cursos para persoas desempregadas que se imparten nos centos educativos de FP, e o IES Lois Peña Novo de Vilalba e o IES Plurilingüe Castro da Uz das Pontes forman parte deste proxecto.

No instituto vilalbés, impártese unha formación sobre operacións auxiliares de montaxe e mantemento de sistemas microinformáticos, outra sobre atención sociosanitaria a persoas dependentes e institucións sociais e outra sobre operacións auxiliares de mantemento en electromecánica de vehículos. Este último curso tamén se imparte no IES Castro da Uz, xunto ao de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial.s

Para acceder a estas formacións para o emprego, as persoas interesadas deben estar inscritas como demandantes de emprego ou formar parte do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

Os cinco cursos que se están impartindo nos IES Peña Novo e Castro da Uz forman parte dun acordo que inclúe 111 cursos, dos que 52 son na provincia da Coruña, 22 na de Lugo, once na de Ourense e 22 na de Pontevedra. Ademais da formación específica de cada un, todos inclúen un módulo transversal de dez horas de inserción laboral, sensibilización ambiental e igualdade de xénero e outro formativo de oito sobre igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e sobre corresponsabilidade familiar e doméstica

A Xunta de Galicia inviste este ano 4,6 millóns de euros nestas actividades, coas que se busca brindar unha oportunidade máis para o acceso ao mercado laboral no caso de persoas desempregadas, e máis na situación actual de crise social e económica derivada da pandemia do covid-19 e aproveitando o impulso que se lle deu á FP na última década, que supuxo un aumento de máis do 50% na súa matriculación.

El Progreso