Leva unha década da sendo presidente da Deputación e alcalde das Pontes e, pese á falta de tempo e aos momento difíciles, asegura que a política «nunca cansa». Entre os seus principais retos está atraer proxectos industriais e abrir a primeira residencia pública.
Non é fácil atopar ocos na súa axenda. Suma 18 anos de alcalde das Pontes e dez como presidente da Deputación da Coruña, pero fai tetris co tempo. Pasou por momentos moi complexos, pero asegura que non perde a ilusión.

Hoxe non é impuntual.  
(Ri). Teño que recoñecer que é un defecto, pero bastante corrixido.

Como se xestiona tanto cargo? 

Con bos equipos e ilusión e ao final son dúas entidades moi vinculadas. A Deputación fai políticas para os concellos.

Queda tempo para algo? 
Queda algo para algo sagrado, a familia, aínda que menos do que me gustaría. E tamén para algo de bici, camiñata e lectura de noite, dous minutos se chego (ri).

Desas camiñatas colga fotos do lago nas súas redes. Que supón para As Pontes ese novo espazo? 
É un espazo que nos esperanza moito, que vai collendo moita vida, cada ano máis, e estamos vendo un fenómeno que era inimaxinable nas Pontes, que temos turismo para quedarse.

«A xente discirne en cada proceso electoral»

O que falta é oferta de prazas.
Hai un montón de pisos turísticos e máis que vai haber para cubrir esa demanda. O que hai son dificultades para alugar, máis que para mercar, a pesar de que temos moitos pisos baleiros e temos habilitadas liñas de axuda a través da Xunta para garantir o cobro do alugueiro e o resarcimento de desperfectos se os houbese.

O PSOE gaña as municipais, pero non as autonómicas nin as estatais. Como vive iso? 
Gañamos moitas máis que levamos perdido dende 2003. Pero a xente discirne perfectamente cada proceso electoral. No municipal pesa o grao de coñecemento da persoa e os equipos, e nos demais a parte ideolóxica, os programas, o momento do partido… É lóxico e ocorre en todas as localidades.

Hai moito votante que cambia. 
Como en moitas localidades con maiorías absolutas. Traballamos para os veciños, a xente está cómoda e maioritariamente, independentemente da súa ideoloxía, prefire optar por este proxecto.

Foi secretario do PSdeG nunha especie de ponte cara a Besteiro. Nunca soñou con máis? 
Non, soño con mellorar a sociedade galega desde onde estea. Mellorando As Pontes e a provincia da Coruña aportamos moito.

Onde se ve dentro duns anos? 
A política nunca cansa, é dura pero ilusionante. Mentres teñas proxectos e compromisos co teu pobo as dificultades supéranse. Algún día vereime fóra, e encantado de desfrutar da miña vila.

«O mellor da película é que podes transformar o mundo»

Que é o mellor e o peor da política?
O mellor é que podes transformar bastante o mundo, o peor é que non todo o que ti quixeras. A ilusión e a frustración son ás veces difícil de sobrelevar.

Cales foron os tragos máis duros? 
O peche do colexio Monte Caxado e o da central térmica, porque foron sen aviso. Monte Caxado tiña 300 alumnos e funcionaba de marabilla. E na central había esperanzas para 20 anos máis, estaba sendo reformada e ninguén pensa que se van tirar 218 millóns. Ninguén escoitou o que era un clamor, que era unha salvaxada pechar unha central que chegou a aportar o 12% da enerxía nacional e o 20% da enerxía estable que a rede require. Con ela o apagón sería evitable. E hai que encher ese burato, socioloxicamente, porque era a referencia laboral para moitos, e o fiscal. Seguimos sendo privilexiados, cun orzamento moi superior a concellos con máis habitantes, pero temos que adaptarnos á nova realidade e non chorar nin estar mirando para atrás todo o día.

Transición xusta… Que pensa? 
Nunca a crin. É unha programa cargado de boa fe pero non é real. A transición xusta na que creo é a colaboración de administracións para facilitar proxectos, convocatorias ben deseñadas por parte do Estado e que a Xunta destine os 107 millóns de Europa a axudas para os territorios afectados.

Chimenea si ou non? 
Si, compatible co chan industrial.

Por onde pasa o futuro?
Por desenvolver o que depende de nós, como poñer en funcionamento as instalacións ociosas nos polígonos. Só queda unha, Acerías As Pontes, que está en venda dende hai tempo e parece que vai haber fumata branca en breve. Ver Allied Steel que hai dez anos era unha nave pechada e hoxe emprega a 130 persoas é unha marabilla; como a antiga nave de Formoso, con 80 traballadores e medrando; Danigal, que volve estar aberto; Daxiong…

Hai algún proxecto para Einsa?
Non temos constancia oficial. Einsa está nun conflito laboral xudicializado, hai un Ere recurrido.

E Ence a gran aposta? 
Ence e Reganosa, coa planta de hidróxeno e a de bombeo, son os proxectos máis solventes, o resto están máis inmaduros administrativamente. A Ence quédanlle máximo dous meses de tramitación e Reganosa é un promotor moi solvente que segue pelexando por implantarse e en breve imos firmar un contrato de aluguer dos terreos. Nese sentido, temos o desexo e a necesidade de poñer en marcha chan industrial, e temos dúas alternativas claras: a de Ence en Portorroibo, que son 500.000 metros que xa están incluídos na lei de áreas empresariais de Galicia, que quero agradecer á Xunta, e queremos seguir mercando terreos en Penapurreira, hai moitas fincas intercaladas. Pode ser caro desenvolvelo agora pero a demanda vai a máis, o Porto de Ferrol non ten onde despregar chan industrial e As Pontes é unha referencia necesaria.

As rodas está descartado? 
É desconcertante dende o principio, investiron máis de tres millóns no proxecto, chegaron a un acordo con Endesa para os terreos, pediron autorizacións… E non hai avances pero non desistiron do proxecto. É necesario dilucidalo porque ese espazo podémolo ofrecer a outros proxectos.

Materializarase algunha vez algo con Estrella Galicia?
A familia ten intención de montar algo na terra onde empezou todo pero a cuestión é atinar con que.

Os proxectos… convértense en cuestións de fe? 
Hai que ter paciencia, esa é a clave, pero tamén hai que entender que ás veces hai dificultades e proxectos que anuncian as empresas, non o Concello, que poden caer, porque hai unha parte de risco, pero non significa mala fe. Cando Ence empece poderemos facer pedagoxía cun as na manga, porque se hai un promotor solvente, se lle dan facilidades administrativas e o mercado admite ese proxecto… vai adiante. Nas Pontes temos case 4.000 contratos de alta na Seguridade Social e mil e pico traballadores nos polígonos, un auténtico luxo para unha poboación de 10.000 habitantes. As Pontes vai ter proxectos tractores que tiren de toda a comarca. Se lle damos facilidades a Ence en dez ou doce anos temos aquí un Inditex.

Facía alusión á poboación. Como viviu a baixada e o recorte de concelleiros, de 17 a 13?
Coa naturalidade de saber que de 93 concellos da Coruña 85 perden poboación, non é un consuelo pero é unha realidade. E o certo é que se está investindo e estamos medrando. O noso obxectivo non é medrar por medrar, senón que a xente veña vivir ás Pontes porque hai calidade de vida, porque hai uns servizos por riba da media, porque cada vez é máis bonito, cunha gran vida cultural e deportiva…

No futuro está a residencia. 
Faise realidade grazas á Deputación. A nosa idea sempre foi promovela, pero ten moitas dificultades de sostibilidade económica.

Ser alcalde e presidente non ten que ver con que sexa a primeira? 
Non pode ser. Fíxose un estudo de cales eran as comarcas que requerían de maior apoio.

A oposición

BNG | Carmela Franco

Encabeza o partido máis votado na oposición. Mestra, debutou na política en 2023 como cabeza de lista, pero estivo vinculada dende os 16 a Galiza Nova.

PP | Mari Carmen Dopico

Iniciouse como concelleira en 2023 pero empezou na política universitaria. Licenciada en Farmacia é Farmacéutica Inspectora de Saúde Pública.

EL PROGRESO