Que un club dunha disciplina deportiva non moi coñecida ata hai pouco faga 35 anos é digno de admirar. Que nesa traxectoria ata a actualidade poida celebrar tamén o 30 aniversario da creación dun equipo feminino dese deporte, ten dobre mérito.
E é que hai 30 anos pouca xente había que oíse falar do rugby. Nin coñecían as normas nin a persoas que o practicasen. Pero nas Pontes xa estaba en marcha dende había un lustro o CR Fendetestas, cun grupo de rapaces que foi contaxiando os valores desta modalidade a veciños e veciñas.
Ao principio, adestraban cos rapaces e, pouco a pouco, e polo boca a boca, lograron ir unindo a máis mozas.
«Fomos falando con máis rapazas para que se animasen e fíxose o equipo. Era algo moi novo o rugby feminino e non había categorías, así que xogabamos en categoría sénior tendo 14 ou 15 anos, enfrontándonos a rapazas de vinte e pico ou 30 anos», destaca Mo, ao tempo que conta a anécdota de que saíra na prensa unha reportaxe por ser o equipo máis novo no campionato de España, onde quedaron décimas.
«Fomos moi mediáticas por ser as xogadoras máis novas de España. Saímos na tele, en Antena 3 con Pepe Navarro, e tamén nun concurso do Xabarín Club e na prensa», lembra entre risas Mo.
E é que se bota a vista atrás na súa relación co Fendetestas, todo son bos momentos. «Os comezos eran moi simpáticos, non gañabamos ningún partido. Na liga era imposible pola superioridade dos outros equipos, pero si gañamos nalgún torneo ou amistoso. O primeiro partido que gañamos foi contra o Xabarín de Lugo nun torneo. Unha festa!!! E a primeira vez que marcamos foi contra Barbanza. Outra festa!!!», rememora, igual que o «milagre» de conseguir impoñerse ao poderoso Crat da Coruña nun torneo celebrado en Pontedeume.
Pese aos resultados, nunca se desanimaron, porque «o pasabamos xenial». «Enganchounos o ambiente do rugby desde o principio. E era un plan para cada fin de semana, porque cada un xogabas nun sitio. O club era como unha cuadrilla enorme», asegura Mo.
Emocionante encontro
Moitos destes recordos saíron a relucir esta fin de semana na xuntanza de rugby feminino que organizou o Fendetestas para conmemorar as tres décadas da creación daquel equipo de mozas pioneiras.
Nel, un grupo de mulleres, de todas as idades, que tiveron nalgún momento do pasado ou teñen na actualidade relación co club compartiron unha tocata cos integrantes do recentemente creado equipo de Mixed Ability —unha modalidade de rugby na que participan conxuntamente persoas con discapacidade e sen ela— e o imprescindible terceiro tempo posterior.
«A idea foi que a xente se animase a probar, que pique o gusanillo outra vez a moitas e volver facer o equipo», recoñece Mo. Unha idea que comparte Carmen Boo, vicepresidenta do Fendetestas, xogadora —agora no Santiago RC xunto a outras tres pontesas: Lidia Mirad, que comezou no rugby o ano pasado, e as xemelgas Lucía e Paula Vilaboy, que son as primeiras persoas da escola pontesa en chegar á categoría sénior—.
«Queremos marcar o inicio dun novo comezo. Manter o vínculo das que estamos e as que estiveron e tamén facer unha especie de traspaso dese vínculo ás novas incorporacións, que marque o inicio do proxecto», afirma Carmen.
E é que pese a ser hai 30 anos unha entidade pioneira no deporte feminino, o certo é que resultou difícil manter ese equipo no tempo. «Cando rematamos no instituto xa se desmantelou. Unhas deixaron o rugby, outras seguimos xogando nas cidades onde nos fomos estudar…», sinala Mo. Pero o xerme quedou.
Hai unha década houbo un intento de retomar o equipo, pero quedou na organización de adestramentos e na participación nalgún torneo da modalidade Seven.
«Eramos un grupo pequeno e un dos problemas é que se necesita moita xente para xogar en liga. Como aquí non houbo posibilidade para facelo, algunha foise fóra e comezou a xogar noutros equipos», explica Carmen.
Cara ao futuro
En 2017 houbo un «punto de inflexión», como o define Boo, no Fendetestas que definiu os pasos a seguir. «Replantexamos o que queriamos facer. Se ser, por así dicilo, un grupo de amigos para xogar ou se queriamos un proxecto de futuro para o club, porque xa se empezaba a ver comprometido para manter o equipo sénior», apunta.
De aí naceu apostar por facer unha canteira forte e creouse a escola, para nenos de catro a doce anos, e a academia, ata sénior. Actualmente contan cunhas 70 fichas, das que máis do 40% son nenas.
«Desde o primeiro momento pensamos en atraer as nenas, porque os nenos ían vir solos. Iamos rapazas a dar charlas, sesións de iniciación aos centros educativos… poñernos nós de cara visible», explica Carmen.
E funcionou. Pero tamén resultou ben a creación do conxunto Mixed Ability, que permitiu que un grupo de nais de deportistas da base se inicien tamén no rugby.
Todas elas, desde as máis novas ata as de máis idade, gozaron da xornada de convivencia desta fin de semana, o que anima aos responsables do Fendetestas a seguir cos seus plans para a sección feminina.
«A idea é empezar en xaneiro a organizar, en principio, un adestramento ao mes e ir facendo algo de captación. Que participen as rapazas da academia que nun ano ou dous pasan a sénior, recuperar xogadoras da zona, xa que en Ferrol non hai equipo feminino e seriamos o único, que se anime algunha nai… Entre as que soben de categoría, as que están en activo e outras, oxalá poidamos ter o equipo xa para a próxima tempada«, di ilusionada Carmen, coa motivación de brindar oportunidades deportivas a todas as mulleres que o desexen.
EL PROGRESO
Deja tu comentario