As Pontes, 11 de outubro de 2024.- O pasado xoves 26 de setembro, a Plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes solicitou formalmente á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a incoación do expediente da Cheminea das Pontes coma Ben de Interese Cultural (BIC).

Tras o gran esforzo dos membros da Plataforma, conseguiuse redactar un documento que recollía a significancia cultural da cheminea, manifestada polo seu valor estético, histórico, científico e social, apoiado por máis de 2000 sinaturas da poboación e unha serie de cartas de apoio de diversas institucións: Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS-UNESCO), o Comité Internacional para a Conservación e Defensa do Patrimonio Industrial (TICCIH), Sociedade Española para a Defensa do Patrimonio Keolóxico e Mineiro (SEDPGYM), Asociación Galega do Patrimonio Industrial (BUXA) e a Asociación do Museo da Ciencia, a Técnica e a Arqueoloxía Industrial de Cataluña (AMCTAIC), entre outros.

A estes apoios, o pasado luns 23 de setembro, sumouse o do Concello das Pontes, tras acadar un acordo coa Xunta de Voceiros, coa presenza e sinatura do alcalde, para solicitar a incoación da declaración da cheminea das Pontes como Ben de Interese Cultural.

Tamén se acordou a constitución dunha comisión formada por ENDESA, O Concello das Pontes (grupos municipais), a Xunta de Galicia (Conselleria de Cultura e Industria) e a Plataforma, dirixida pola Dirección Xeral de Patrimonio, cuxa constitución se solicitou hoxe, venres 11 de outubro.