A central térmica de Endesa nas Pontes está desde o pasado 1 de xullo en situación de dispoñibilidade, só con un dos seus catro ciclos operativo, o que reduce significativamente a necesidade de persoal nas instalacións.
Segundo un estudio da Universidade da Coruña (UDC), asinado entre outros polo economista ex presidente da Xunta Fernando González Laxe, e publicado recentemente por unha prestixiosa publicación científica, «o impacto inicial do fechamento, en ausencia de calquera tipo de actividade substitutiva, sería devastador para a economía e o emprego nas Pontes».
No caso das Pontes, só 32,7% da poboación activa residente mantería o seu emprego na localidade, mentres que o número de residentes ocupadas diminuiría 43,6% e o número de persoas en desemprego aumentaría 284,5%.
Para mitigar este impacto, os autores do documento cren que será «crucial» contar con políticas específicas para a procura e atracción de industrias e socios tecnolóxicos «cunha probada capacidade de lobbing» para loitar polos fondos que permitan desenvolver os seus proxectos, en especial os Next Generation.
Ademais, consideran que estes proxectos deben vir acompañados de «actuacións complementarias» para evitar a existencia de sectores produtivos locais e colectivos en risco, contribuír á fixación de poboación e creación de emprego, incentivar a diversificación produtiva e restaurar a capacidade tributaria do Concello para garantir a provisión de bens e servizos públicos.
Dada a complexidade dos desafíos, os autores inciden na necesidade dun apoio «forte e decisivo» das Administracións. Porén 63,2% das persoas afectadas polo fechamento desconfían de que estas sexan capaces de dar unha solución que minimice o impacto socioeconómico.
O propio estudo recoñece «deficiencias notábeis» en políticas públicas relacionadas coa «insuficiente provisión» de emprego sostíbel e inclusivo, a falta de instrumentos para potenciar os factores produtivos locais, ou a innovación, especialmente en procesos, produtos e aspectos organizativos.
Convenios de transición xusta
O estudo da UDC afirma tamén que os convenios de transición xusta ─aínda pendentes de asinar pola Xunta─ quedan curtos nos seus obxectivos, xa que «adoecen dunha falta de contextualización cara ao territorio» ao considerar só os efectos directos e indirectos, sen mencionar o efecto circular sobre o emprego e a absorción interna de ingresos.
Para salvar esta «deficiencia» os autores propoñen «un plan de acción integral e con visión de futuro, que logre o mantemento e xeración de actividade económica e emprego sostíbel no territorio afectado».
Nesta liña, inciden en que se a tecnoloxía á que se renuncia (a queima de carbón) supón máis postos de traballo de calidade que as alternativas propostas, os novos proxectos enerxéticos deberán ir necesariamente acompañados de plans industriais complementarios.
NOS DIARIO
Deja tu comentario