Un mozo veu desde Benidorm para intentar contemplar a eclipse desde o alto da cheminea das Pontes. Agora que todo apunta á súa conservación, quizais non faga falta contratar unha gran consultora para descubrir que permitir subir a máis de 350 metros podería atraer visitantes.
Ás veces aparecen estudos de mercado inesperados.
E gratuítos.
Hai uns días coñeciamos a historia dun mozo que percorreu preto de 1.000 quilómetros desde Benidorm ata As Pontes cun obxectivo bastante peculiar: contemplar a eclipse desde un lugar excepcional.
Non escolleu unha montaña.
Tampouco un miradoiro turístico.
Escolleu a cheminea da central térmica das Pontes.
O mozo conseguiu acceder ás instalacións e iniciou a subida coa intención de chegar ata o alto. A aventura rematou antes do previsto, ao ser localizado e desaloxado.
Evidentemente, entrar sen autorización nunha instalación industrial e intentar subir a unha cheminea de máis de 350 metros non é nin legal nin unha boa idea.
Pero, unha vez aclarado o evidente, quizais conveña reparar no outro evidente.
Unha persoa percorreu preto de mil quilómetros para intentar chegar ao alto da cheminea e contemplar desde alí un fenómeno que dura apenas uns instantes.
Mil quilómetros.
Para subir á cheminea das Pontes.
Para ver unha eclipse.
Durante uns segundos.
Igual aquí hai unha oportunidade.
Non parece necesario ser un xenio
Durante un tempo falouse incluso da posibilidade de demoler a cheminea. Afortunadamente, o escenario parece ser agora moi diferente e todo apunta cara á súa conservación, coa posibilidade, ademais, de avanzar na súa protección como Ben de Interese Cultural.
Polo tanto, se a cheminea vai permanecer en pé, aparece unha pregunta bastante lóxica:
Imos conformarnos con mirala desde abaixo?
Porque quizais non faga falta un elaborado estudo de mercado para sospeitar que subir a máis de 350 metros de altura pode ter certo atractivo turístico.
Acabamos de ter un exemplo bastante gráfico.
Alguén viu a cheminea desde case mil quilómetros de distancia —figuradamente, claro— e pensou: eu quero subir aí.
E colleu o coche.
Se alguén está disposto a facer iso para contemplar uns segundos dunha eclipse, non parece demasiado arriscado pensar que outras persoas pagarían por subir legalmente, comodamente e con seguridade calquera día do ano.
A ver se tamén caemos na conta nós.
E, sobre todo, a ver se caen na conta os que teñen capacidade para estudalo e facelo posible.
Máis de 350 metros. E cobrando entrada (agás que estés empadroado en As Pontes)
A idea tampouco require inventar nada especialmente revolucionario.
Acondicionar a parte superior da cheminea como miradoiro, instalar os sistemas necesarios para permitir o acceso público e cobrar unha entrada por subir.
Así de complicado.
E así de sinxelo.
Non estariamos vendendo unha vista desde un campanario ou desde unha torre de vinte metros.
Estariamos ofrecendo a experiencia de subir a unha das grandes chemineas industriais do mundo, a máis de 350 metros sobre o terreo, nun lugar cunha historia industrial extraordinaria e cunha panorámica difícil de repetir.
O lago das Pontes, a antiga mina, a vila, as montañas, as Fragas do Eume e unha enorme extensión de territorio ata onde alcance a vista.
A propia subida formaría parte da experiencia.
E, ademais, permitiría contar a historia do lugar.
Porque o visitante non tería por que atoparse simplemente cunha varanda e uns prismáticos ao chegar arriba. Podería existir un percorrido interpretativo sobre a mina, a central térmica, o lignito e as xeracións de ponteses que construíron arredor desta industria boa parte da historia contemporánea do municipio.
Patrimonio industrial + Unha vista espectacular.
Non parece o peor modelo de negocio do mundo.
E xa que subimos, comemos e tomamos un café
Respectando o seu valor patrimonial e sempre que tecnicamente resulte posible, podería acondicionarse e acristalarse a parte superior para albergar zonas visitables, exposicións e, por que non, unha cafetería/restaurante con visión panorámica.
Porque hai algo que probablemente venda bastante mellor As Pontes que unha fotografía institucional:
Comer a máis de 350 metros de altura.
A cafetería/restaurante podería funcionar mediante concesión e xerar actividade económica propia, ao tempo que convertería a visita en algo máis que subir, facer unha fotografía e volver baixar.
Un café.
Unha comida.
Un solpor.
Unha noite de estrelas.
Ou, quen sabe, a próxima eclipse.
Esta vez pagando entrada e sen que teña que ir ninguén buscarte con un dron.
O negocio importante estaría tamén abaixo
Pero reducir todo isto ao que se recade no despacho de billetes ou na cafetería sería quedar curto.
O principal interese económico para As Pontes estaría en conseguir que veña xente.
Porque quen fai cen ou douscentos quilómetros para subir á cheminea probablemente tamén teña que comer.
Algúns tomarán algo na vila.
Outros comprarán.
Outros aproveitarán para coñecer o lago.
Outros visitarán a comarca.
E algúns poderían quedar a durmir.
Restaurantes, cafeterías, aloxamentos, comercio, gasolineiras e empresas de actividades serían beneficiarios indirectos dun recurso turístico capaz de atraer visitantes por si mesmo.
Ese é o verdadeiro potencial.
Non pensar unicamente:
«Cantos cartos dá a cheminea?»
Senón:
«Cantos cartos poden deixar nas Pontes as persoas que veñan pola cheminea?»
Son dúas preguntas moi diferentes.
E a segunda é, probablemente, bastante máis importante que a primeira.
Un símbolo do carbón que pode seguir xerando actividade
Ninguén pretende que un miradoiro substitúa economicamente unha central térmica, para iso xa está a Transición Xusta (Modo ironía activado).
A escala non ten comparación.
Pero quizais un dos erros de calquera transición sexa esperar que apareza unha única actividade capaz de substituír de golpe todo o perdido.
O futuro das Pontes terá que construírse sumando industria, enerxía, servizos, comercio e tamén turismo.
E resulta que temos unha estrutura de máis de 350 metros que pode converterse nun reclamo dificilmente reproducible por ningún outro municipio.
Ademais, hai algo especialmente atractivo en conseguir que un dos maiores símbolos da era do carbón continúe xerando actividade económica cando o carbón xa desapareceu.
Antes producía electricidade.
Agora podería atraer visitantes.
E eses visitantes comen, toman algo, compran, dormen e gastan cartos.
Non parece unha mala transición para a cheminea, a que tantos quixeron (e aínda queren) demoler.
O estudo de mercado chegou desde Benidorm
Naturalmente, antes de facer nada haberá que estudar a viabilidade técnica, patrimonial e económica do proxecto.
Haberá que analizar a estrutura, os ascensores, a evacuación, a protección contra incendios, a accesibilidade, o comportamento fronte ao vento, o mantemento, os aforos e os custos.
E haberá que comprobar que calquera actuación sexa compatible coa protección patrimonial da cheminea.
Todo iso correspóndelles aos técnicos e especialistas.
Pero para saber se existe algún atractivo en subir ata alí arriba, quizais a realidade xa nos aforrou parte do traballo.
Porque pensemos outra vez no sucedido.
Un mozo percorreu preto de 1.000 quilómetros desde Benidorm para intentar subir.
E non había cafetería/restaurante.
Non había miradoiro.
Non había visita guiada.
Non había ascensor turístico.
Non había exposición.
Non había entrada á venda.
Nin sequera podía subir legalmente.
Había unha cheminea e uns segundos de eclipse.
E veu igual.
Desde Benidorm.
Mil quilómetros.
Quizais non faga falta ser un xenio para intuír que, se algún día ofrecemos unha entrada, un ascensor, un miradoiro espectacular e a posibilidade de coner e tomar un café a máis de 350 metros de altura, alguén vai querer subir.
De feito, igual a pregunta non é se viría xente.
Igual a pregunta é cantos virían.
A cheminea parece que vai quedar.
E iso é o importante.
Agora que todo apunta á súa conservación, temos diante unha oportunidade extraordinaria para conseguir que non sexa unicamente un monumento que nos lembre o que fomos, senón tamén un recurso que poida xerar actividade para o que queremos ser.
Porque ás veces encargamos informes, plans estratéxicos, estudos turísticos e análises de mercado para intentar descubrir que pode atraer xente a un territorio.
Neste caso, un rapaz de Benidorm acaba de percorrer mil quilómetros e case nolo explica gratis.
Agora só falta que aos que deciden que facer coa cheminea se lles acenda a mesma lámpada que se lle acendeu a el a mil quilómetros de distancia.
No se quien lo hizo ,pero en la familia Trastoy siempre hubo buenos hosteleros.
Y muy buena gente.