A Xunta abre o trámite de competencia de proxectos ante a solicitude recibida pola empresa Canerde SL para unha concesión de augas superficiais para a instalación dun aproveitamento hidroeléctrico no lago pontés.
Esto supón un paso máis e reanudar a tramitación para a planta de bombeo que impulsan EDPR e Reganosa nas Pontes, que xa lanzaron en xuño de 2021 pero cuxa tramitación frearon para incluir melloras no proxecto, tanto dende o punto de vista ambiental como tecnolóxico.
A empresa solicita a concesión dun caudal de auga de 170 metros cúbicos por segundo procedentes do río Eume para unha central hidroeléctrica reversible.
Cando EDPR e Reganosa lanzaron o proxecto da planta de bombeo anunciouse unha central que podería alcanzar os 570 MW. Esta empregaría como depósito inferior o propio lago e, como superior, un encoro de nova construción.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, publicou o luns no DOG o anuncio polo que se lle dá inicio a dita tramitación e con esta publicación comeza o trámite de competencia para que no prazo dun mes o solicitante presente a instancia, así como o proxecto e toda a documentación requerida. O seguinte paso será a exposición pública do proxecto.
A empresa solicitante, ademais, deberá achegar o estudo ambiental que recolla e avalíe as afeccións do proxecto, explican dende a Xunta, ao tempo que indican que tamén se admitirán durante este prazo outras peticións que teñan o mesmo obxecto ou sexan incompatibles con ela e poderanse presentar xunto con estas, proxectos en competencia.
«Con este procedemento de trámite en competencia de proxectos, Augas de Galicia garante a transparencia e o estrito cumprimento da normativa en materia de augas, co rexeitamento directo de calquera proxecto que vulnere o Plan Hidrolóxico de Galicia e a garantía de participación dos axentes interesados», detallan dende a Xunta.
EDPR e Reganosa non foron os únicos en presentar proxectos para aproveitar a auga do lago. O grupo andaluz Magtel conta xa co visto bo de Augas de Galicia para a súa central de bombeo. O seu proxecto ten unha potencia de 250 megavatios e un investimento que rondaría os 264 millóns de euros.
Hidróxeno e eólicos
O proxecto de Reganosa e EDP da planta de bombeo anunciouse dentro dun macroproxecto de enerxías verdes para As Pontes que inclúe tamén a construción dunha planta de produción de hidróxeno verde de 100 magavatios e catro parques eólicos, de 270 megavatios, con de 780 millóns de investimento.
Declarada como Proxecto Industrial Estratéxico por parte da Xunta de Galicia, a planta de hidróxeno xa recibiu 15 millóns de euros de fondos do Perte. Segundo a estimación dos promotores, a primeira fase podería estar operando en 2026 e alcanzaría o seu total rendemento en 2030.
El Progreso
Deja tu comentario