«A día de hoxe, polo manifestado na xuntanza, o proxecto de hidróxeno de Endesa nas Pontes está fóra de xogo», afirmou a Nós Diario Fernando Branco, responsábel de Enerxía da CIG.

A xuntanza á que fai referencia Branco decorreu esta quinta feira, 7 de setembro, en Madrid. Unha representación da CIG-Industria, a directora xeral do Instituto de Transición Xusta, Laura Martín, e representantes de Endesa analizaron na sede do instituto a situación do desmantelamento da central térmica das Pontes (comarca do Eume), cuxo fechamento definitivo foi autorizado en agosto polo Goberno estatal, cun cronograma condicionado pola falta de prazos administrativos por parte da Xunta da Galiza e do Concello das Pontes e pola posíbel declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) da cheminea do complexo.

Detrás das razóns que alega a empresa para descartar a instalación da planta de hidróxeno nas Pontes estaría que, segundo indica o sindicalista da CIG, «os parques que Endesa tiña ligados para a produción de hidróxeno non recibiron a concesión para poder instalarse». «A este respecto», engade, «contradinse tanto o Ministerio, que garante a capacidade de subministro da primeira fase, como a Xunta da Galiza, que di o contrario».

Concurso de evacuación

En canto ao concurso de evacuación, que a central sindical nacionalista leva exixindo desde o anuncio do fechamento da térmica e que entende «é básico e garante da reindustrialización da comarca», o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) ofreceu na xuntanza «unha resposta pouco convincente, escusándose en termos técnicos única e exclusivamente, uns criterios que desde a CIG non compartimos», afirma Branco.

«Vanse perder eses 1.400 megavatios», di, engadindo que «todo son promesas empresariais que xa veremos a concreción que teñen no futuro».

 

NOS DIARIO