Os usuarios da Xanela, un centro pontés que presta apoio integral ás persoas con discapacidade física, psíquica e sensorial «co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida e fomentar a súa integración social e a das súas familias», acaba de lanzar ao mercado os seus propios salvaorellas de lá feitos a man.

«Levamos tres anos co obradoiro de Lanaterapia —impartido por Carolina Díguele co apoio de Guadalupe Lago—. Comezamos con medo pensando en que non ía ter unha boa acollida e resultou ser un éxito rotundo», explican.

«No obradoiro a ensinanza é personalizada e adaptamos os traballos as capacidades específicas de cada un. Fixemos un montón de proxectos: cestas, bufandas, bolsos, calcetíns, chalecos, moedeiros… e agora quixemos aportar o noso gran de area», indican dende A Xanela e explican que a idea xurdiu por necesidades propias —»moitos dos usuarios presentaban queixas e molestias polo uso das máscaras»— pero acabou converténdose nun traballo con doble beneficio: os usuarios solventaron un problema e co seu esforzo axudan a outros. «Para nós é moi gratificante», din.

Os salvaorellas da Xanela, que conta actualmente 217 socios e 26 usuarios, xa están á venda en varios establecementos das Pontes, concretamente en La Mercería, La Estrella, a clínica veterinaria Nexo, Óptica Carmela, Panadería Clara e Peluquería Fadas.

«O covid-19 golpeou de xeito moi particular nos nosos usuarios, víronse interrompidas todas as súas terapias, rutinas e apoios. Dende A Xanela intentamos dar apoio durante o tempo que estivemos pechados, orientando ás familias e ás persoas con discapacidade, atendendo as súas necesidades ofrecendo recursos para poder traballar na casa», indican, aínda que recoñecen que unha vez retomada a actividade, con todas as medidas de seguridade, «aínda se notan as consecuencias, como a perda de destrezas funcionais, capacidades cognitivas, diminución nas relacións sociais…».

El Progreso