O PSOE levará ao Parlamento galego a reclamación para facer obras de rehabilitación no pavillón escolar do IES Moncho Valcarce das Pontes, tal e como avanzou o deputado autonómico Aitor Bouza.

«Sumámonos ás reivindicacións do Concello das Pontes durante anos e esixímoslle ao señor Rueda e á Xunta de Galicia que fagan dunha vez esas obras tan necesarias nun centro educativo exclusivo da súa competencia», defendeu Aitor Bouza, que fixo fincapé no mal estado actual dunha instalación que «se cae» porque «está en condicións deplorables».

Unha protesta e moitas reivindicacións

A comunidade educativa, tras moitas protestas, organizou unha concentración a finais de xuño do ano pasado para esixir as obras. E, tras unha reunión na delegación territorial en Ferrol, dende a dirección aseguraron que existía un compromiso da Xunta de abrir o proceso de licitación das obras en marzo ou en abril para inicialas a partir de xuño.

«É unha demanda moi respaldada por toda a comunidade educativa e unha obra moi necesaria e non aparece reflectida nos orzamentos», criticou a concelleira Tania Pardo, que recordou que polos problemas de condensación a pista está «impracticable coas humidades moitos días ao ano».

EL PROGRESO