O equipo pontés representará a Galicia na fase nacional do Máster Internacional tras acadar o seu terceiro título autonómico na categoría 500.

O Concello das Pontes rendeu homenaxe este venres aos integrantes do Club Pádel As Pontes, despois do seu recente éxito deportivo ao proclamarse campións de Galicia das Series Nacionais de Pádel na categoría 500. O alcalde, Valentín González Formoso, xunto a outros membros da corporación municipal, recibiu o equipo para felicitalos por un triunfo que sitúa ao pádel pontés no máis alto do panorama autonómico.

​Este novo título non é un feito illado, senón a consolidación dun proxecto que leva máis dunha década en constante crecemento. Trátase da terceira vez que o club consegue o campionato galego, sumando este éxito aos xa acadados en 2019 e 2023 (este último noutra categoría). Nesta ocasión, o conxunto local logrou a vitoria tras impoñerse na final ao equipo Smash Padel4, nunha competición marcada polo alto nivel e a deportividade.

​Durante a recepción, destacouse a solidez dunha estrutura baseada no compromiso, o traballo en equipo e unha planificación rigorosa que involucra a directiva, capitáns e xogadores. Este esforzo colectivo tivo a súa recompensa co pase directo á fase nacional do Máster Internacional, onde o Club Pádel As Pontes terá o orgullo de representar non só á vila, senón a toda Galicia.

​Con este novo fito, o club reafirma a súa identidade baseada na constancia e o respecto polos rivais, levando o nome das Pontes con orgullo cara ao vindeiro desafío estatal, onde buscarán seguir facendo historia nas pistas.