O BNG das Pontes vén de ter coñecemento dun escrito que o goberno municipal está a enviar ás usuarias do Servizo de Axuda no Fogar, comunicando que «durante os meses de xullo, agosto e setembro é posíbel que o horario de atención poida sufrir modificacións e que os domicilios nos que se presta tarefa doméstica ou outro tipo de tarefa se vexa alterado e/ou suspendido». Afirman os nacionalistas que, por unha parte, esta comunicación faise por escrito sen estar asinada polo Departamento de Servizos Sociais, cando existe unha concellería responsábel. En segundo lugar, este escrito redáctase de forma xenérica, sen sinalar a quen e como afecta e a menos de dúas semanas de comezar xullo, «sen dar practicamente tempo para procurar solucións a cada unhas das afectadas».

«A causa que se dá é a imposibilidade de contratar persoal para a cobertura das vacacións, algo que sorprende e preocupa o BNG pontés ao tratarse dun servizo esencial, sen previsión suficiente. Isto é moito máis doente cando o Concello leva tempo facendo procesos de contratación para outros servizos e canto a vila vive unha situación similar coas prazas de Policía Local, aínda sen convocar e cun cadro de persoal que non pode dar o servizo completo», din.

Dende o grupo municipal do BNG queren lembrar que o Servizo de Axuda no Fogar municipal aténdese con persoal propio e cunha empresa, que ten un contrato provisional, a piques de rematar, mentres non se contrata o servizo de novo. «Esta situación non parece que vaia mudar en breves cando o proceso de nova contratación non se ten iniciado e é un proceso que leva varios meses. Diante de tal situación alarmante e preocupante, o BNG ten solicitado xa a convocatoria da Comisión de Benestar Social á espera de información», conclúen.

 

https://terrachaxa.com/