Unha vintena de asociacións, integrantes da Federación Galega de Micoloxia, presidida por Chemi Traba, danse cita nas Pontes de García Rodriguez desde onte e ata o 8 de decembro, dentro da 40 Semana Micolóxica de Galicia para reclamar o peso dos cogomelos en diversos sectores. Divulgadores micolóxicos e persoas afeccionadas ao mundo dos fungos debatirán sobre distintas cuestións estratéxicas, como o micoturismo, o efecto dos incendios  ou o cultivo de cogomelos en Galicia, o que converterá a localidade coruñesa “no epicentro da micoloxía”, explica o secretario da federación, Rubén Villasenín Iglesias.

Onte pola tarde celebrouse a sesión inaugural coa presentación das conclusións do estudo participativo sobre a identificación e potencialidades dos fungos silvestres nas Pontes, a cargo de Ismael Blanco, e na que destaca tamén a conferencia da micóloga e profesora Marisa Castro titulada: “Historia da micoloxía en Galicia: a figura de Luís Freire” na Casa Dopeso. Valentín González Formoso, durante o acto inaugural, destacou a importancia da celebración deste encontro  que “busca promocionar e divulgar a micoloxía e todos os beneficios que os fungos e cogomelos poden reportar ao territorio tanto a nivel económico, como turístico o como de aproveitamento forestal”

Hoxe, o profesor Antonio Rigueiro falará de micoturismo, para despois deixar paso a Carmen Pita da Axencia de Turismo de Galicia; Alejandro Mínguez de Plan c, Celanova; Ovidio Queiruga da Comunidade de Montes de Baroña e Marcos Reinoso de Pía Paxaro, para falar das escasas iniciativas de micoturismo que existen en Galicia na actualidade.

A Semana Micolóxica Galega, que é itinerante, chega ás Pontes de García Rodríguez co apoio do Concello e da Deputación da Coruña, e continuará ata o día 8 cunha gran variedade de actividades participativas, divulgativas, educativas e de lecer no senso medioambiental, cultural, sanitario e económico. Destacan as saídas ao monte, obradoiros de identificación macro e microscópica, exposicións de exemplares reais, conferencias, mesas redondas, micogastronomía ou obradoiros de cultivo de cogomelos. Todas as actividades son gratuítas e nalgúns casos é precisa a inscrición previa.

Enfoques.gal