As Pontes, 15 de xullo de 2026 – O 5 de agosto de 2024 esta organización, entón Plataforma e hoxe consolidada como Asociación, facía público o seu manifesto fundacional, alertando sobre o risco que corría a Cheminea da Central Térmica e reclamando unha comisión urxente Endesa-Concello-Xunta-Asociación para analizar os elementos da Central susceptibles de conservación.
Aquel manifesto foi asinado por máis de 2.000 veciñas e veciños, e avalado por institucións de recoñecido prestixio como TICCIH España, ICOMOS España, a Sociedad Española para la Defensa del Patrimonio Geológico y Minero, a Associació del Museu de la Ciència i de la Tècnica de Catalunya, a Aula de Patrimonio da UPM, a Asociación de Estudios Alfoz de Gauzón e Buxa. Todas coincidiron na urxencia de ampliar a protección a outros elementos da Central; TICCIH España e a Associació dirixíronse ademais formalmente a Endesa e ao Concello solicitando a reconsideración do derrubamento e a suspensión das licenzas.
O Concello asumiu ese compromiso no acordo do 23 de setembro de 2024, e o Pleno, en sesión do 29 de xullo de 2025, aprobou por unanimidade:
- iniciar a Modificación Puntual da Ordenanza de Uso Industrial 2;
- demandar aos gobernos do Estado, Xunta, Deputación e Concello un estudo urxente sobre os usos potenciais das instalacións, esixindo a Enel-Endesa que adaptase as obras de desmantelamento ata a súa conclusión;
- e requirir de Enel-Endesa unha reunión urxente para esixir a súa implicación no financiamento do estudo.
En 2026 recibimos ademais o apoio de Alfonso Muñoz, catedrático da UPM e membro do comité científico de Hispania Nostra, quen corroborou en dous informes o valor excepcional do conxunto.
Denuncia de incumprimento. A pesar diso, este ano executouse o derribo do Parque de Carbóns sen previo aviso, con opacidade e vulnerando o acordo plenario unánime do 29 de xullo de 2025 — unha estratexia de feitos consumados para evitar calquera interlocución.
Convocatoria de peche
Ante a inminente demolición das Torres de Refrixeración, comunicamos o inicio dun peche no Concello das Pontes a partir do mércores 15 de xullo, ata o cumprimento de:
- Aceleración da declaración BIC da Cheminea e a súa contorna protexida.
- Elaboración inmediata do estudo previo á voadura, acordado hai un ano en Pleno. De non facerse xa, esiximos deter a demolición de, cando menos, dúas torres ata resolvelo.
- Constitución do equipo científico multidisciplinar (TICCIH España, Hispania Nostra, Escolas Técnicas da UDC, Departamento de Economía Aplicada da USC e as direccións xerais de Patrimonio).
Non esiximos nada que non fose xa asinado. Pedimos dignidade e o cumprimento da palabra dada.
CONTACTO
📧 plataformapatrimonioindustrial@gmail.com
📷 @aspatrimonioindustrial
📘 Plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes
Deja tu comentario