A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo admitiu a proposta de Somos Cabanas para que se investigue a contaminación do río Eume por actuacións de Endesa.
Nun escrito con data do 9 de abril, ao que tivo acceso Europa Press, a presidenta da Comisión de Peticións, Dolors Monserrat, informa que se demandou á Comisión Europea que leve a cabo «unha investigación preliminar» sobre o sucedido.
Así mesmo, Dolors Monserrat sinala que as Fragas do Eume foron designadas sitio de importancia comunitaria na Rede Natura 2000. Igualmente, lémbrase que Bruxelas abriu expediente de infracción ao Esrado español en 2015 pola xestión da Rede Natura.
Así, remarca que «Galiza, e as Fragas do Eume en particular, están afectadas por estes procedementos de infracción».
Somos Cabanas realizou en 2020 esta petición de investigación á UE por mor da turbidez do río detectada en outubro dese ano, que obrigou a prohibir o consumo de auga durante varios días en Pontedeume
A Xunta, a través de Augas de Galiza, informou por entón de que abría expediente sancionador á empresa explotadora do encoro do Eume -Endesa- pola turbidez xerada e polas afeccións ao abastecemento.
Así, o Goberno galego abriu ese expediente por «desatender os requirimentos efectuados desde Augas de Galiza en relación á xestión da presa». Unha situación que obrigou a declarar a emerxencia sobre a situación do río.
Posteriormente, a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, recoñeceu, nunha comisión parlamentaria, que «Endesa fíxoo rematadamente mal» nas verteduras ao río Eume, pero aseguraba que «non hai sedimentos tóxicos» nas análises realizadas.
Gutiérrez criticou, na súa comparecencia na Cámara galega en outubro de 2020, que Endesa realizou unha «explotación irregular do encoro» e «desobedeceu ordes» en relación cos avisos da Xunta para manter o nivel establecido. «O que non é normal é que, de súpeto, por unha mala explotación haxa un episodio de turbidez como o que houbo; por iso abrimos expediente», afirmaba.
Así contestaba en resposta a unha pregunta do BNG, na que a formación nacionalista denunciaba que o ocorrido no Eume é «a crónica dun desastre anunciado», nunha combinación do baixo nivel de auga do encoro e as obras das válvulas do fondo, que «deixa en evidencia» varias «neglixencias» de Endesa e a Xunta.
O Bloque avisaba de que a única «solución para que isto non volva repetirse nunca máis» pasa por extraer a totalidade dos lodos «potencialmente tóxicos», cuxo orixe é a actividade mineira desde hai 50 anos nas Pontes, a unhas balsas fose do encoro e que sexan catalogadas como perigosos.
Xa no mes de novembro, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, sinalaba, nun pleno do Parlamento, que Endesa sería sancionada e tería que pagar custos de obras e analíticas.
nosdiario.gal
Deja tu comentario