As Pontes acollerá a vindeira fin de semana, o día 20 de maio, o 1° XCO Vila de As Pontes evento da Copa de Galicia de Cross Country Olímpico, unha modalidade de bicicleta de montaña que se desenvolve nun circuíto pechado de 3,4 quilómetros, ao longo do que se dispoñen diversos obstáculos, e ao que os deportistas participantes deberán dar varias voltas.

A proba, organizada polo club ciclista local Terras do Eume, coa colaboración do Concello das Pontes e a Federación Galega de Ciclismo, disputarase o día 20 de maio, a partir das 16:30 horas e nela daranse cita preto de 225 ciclistas, das categorías cadete, xuvenil, master 30,master 40, master 50, master 60 e elite, da modalidades masculina e feminina.

Durante a presentación do evento , que tivo lugar esta mañá, no Concello das Pontes, Roberto Rivera, integrante do club ciclista Terras do Eume apuntou que “o lago das Pontes e a súa contorna é o lugar ideal para este tipo de probas para a que deseñamos e construímos un circuíto que será permanente, desde cero, cheo de obstáculos e zonas técnicas. É un verdadeiro estadio para a mountain bike que nos permitirá gozar dunha competición espectacular que pode ser o xerme dunha proba fixa no calendario deportivo das Pontes”.

PRIMEIRA MINIBTT VILA DAS PONTES

Ese mesmo día, entre as 10:00 e as 14:00 horas celebrarase tamén o 1° MINIBTT Vila das Pontes, proba incluída tamén no circuíto da Copa Galega e no que participarán 300 ciclistas, con idades comprendidas entre os 6 e os 14 anos, divididos nas categorías benxamín, promesas, principiantes, alevíns e infantís.

Roberto Rivera sinalou que se trata dunha proba deseñada para os nenos e nenas que se inician no mundo da bicicleta de montaña, con distintos percorridos, adaptados ás idades e as capacidades físicas e técnicas dos ciclistas participantes.
“Os circuítos están pensado para ser divertidos, promover a destreza dos nenos e nenas e dar a coñecer un deporte que incremente a oferta deportiva das Pontes e a súa contorna” engadiu Roberto Rivera.

Pola súa banda, Chicho Tembrás, concelleiro de Deportes agradeceu ao club ciclista Terras do Eume o seu traballo e aposta polo lago e a súa contorna salientado a importancia de albergar esta proba, que “amosa, unha vez máis, o escaparate de promoción que é o lago, tanto para a vila como para a comarca, así como a súa capacidade para acoller probas deportivas que implican un gran despregamento de loxística e infraestruturas. Este campionato vai converter As Pontes, novamente, nun gran escaparate turístico”.