A Deputación da Coruña impulsa un plan piloto para crear unha rede de residencias públicas para maiores de ámbito comarcal. Serán residencias de pequeno tamaño e máis proximidade, con capacidade para unhas 50 persoas, “coas que pretendemos mellorar o benestar e evitar o desarraigo e a soidade non desexada dos maiores”, que moitas veces vense na obriga de ir a residencias moi lonxe do seu fogar, así como “crear emprego e axudar a fixar poboación no rural”, segundo explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso. Os primeiros centros ubicaranse nas Pontes, Rianxo e Ordes, segundo se recolle no protocolo asinado esta mañá polo presidente e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso; o vicepresidente, Xosé Regueira; a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños e a concelleira de Política Social de Ordes, Susana González.

Formoso explicou que estes tres primeiros centros suporán un investimento de 6 millóns de euros e crearán 188 empregos. Os centros serán de titularidade e xestión pública, “un modelo alternativo ao da Xunta de Galicia, que conta cun 90% de residencias privadas, con tarifas moitas veces inasumibles para as familias e que ademáis non creou nin unha soa praza pública de residencias nos últimos 14 anos”, afirmou. “Serán residencias máis pequenas e máis humanizadas, lonxe do modelo de contenedor, de almacén de persoas actual. O que buscamos é a humanización e que as persoas maiores podan pasar a última etapa da súa vida preto da súa casa e da súa familia. En definitiva, evitar o desarraigo”, explicou Formoso, que destacou tamén a vertente que o proxecto ten no plano económico e de axudar a fixar poboación no rural, un dos compromisos do goberno provincial desde o inicio do mandato.

“Este é un proxecto no que levamos meses traballando. A Deputación ten feito unha diagnose dos servizos sociais da provincia no que detectamos unha eiva significativa de dotacións destinadas a maiores”, explicou Formoso, que subliñou que “queremos arrancar este proxecto co consenso de todas as forzas políticas. É un proxecto de país”, afirmou. O presidente destacou tamén que espera “colaboración institucional” por parte da Xunta e agradeceu a colaboración dos concellos de Rianxo, Ordes e As Pontes, que se encargarán de ceder os terreos e redactar os proxectos, mentres que a Deputación da Coruña asumirá cunha partida orzamentaria de 6 millóns de euros a execución das obras e posteriormente a xestión dos centros.

Enfoques.gal