Seguramente todos coincidamos na necesidade de acadar os obxectivos de neutralidade climática no ano 2050 que Europa se marcou no seu pacto verde. Un compromiso que o Parlamento europeo consolidou o ano pasado coa nova lei do clima, elevando o obxectivo de redución de emisións para 2030 ata o 5 5 % en comparación con 1990.
Obxectivos que só poden ser factibles desde a planificación. Desde a toma de decisións firmes, consensuadas, cun enfoque técnico —e non ideolóxico— e que acheguen seguridade xurídica e estabilidade a fogares e empresas.
Porque planificar é transformar o mix de xeración enerxética, diversificar a subministración de enerxía tendo en conta todas as capacidades xa dispoñibles, apostar firmemente pola eficiencia enerxética, e impulsar as enerxías renovables e o almacenamento enerxético, así como tecnoloxías emerxentes como o hidróxeno verde, os bicombustibles e os gases renovables.
A Xunta de Galicia está querendo formar parte da solución. Coa nova axenda enerxética agárdase que, de cara ao 2030, as enerxías renovables representen o 84,8 % da xeración de enerxía eléctrica, cando o obxectivo de España para cando remate esta década é acadar o 74% —porcentaxe actual en Galicia—.
Non se pode «desenchufar antes de enchufar». É un erro e unha falta de planificación por parte do Goberno. Temos un bo exemplo nas Pontes: a reactivación da central nos últimos meses, e a posibilidade de que, de novo, teña que volver a estar activa, ou en reserva, é unha clara mostra desta falta de planificación.
Deja tu comentario