O Concello das Pontes abre o proceso de participación cidadá para a redacción da Axenda Urbana, un proxecto que definirá como será a vila pontesa do futuro, os seus espazos e o xeito no que deben funcionar os diferentes sectores económicos da localidade, como apuntan desde o Concello.

Elena López, concelleira responsable da iniciativa, destaca que a consulta pública ten como obxectivo “recoller os desafíos e retos que identifica a cidadanía para o municipio das Pontes durante a próxima década”, así como as ideas e propostas polas que entenden que é necesario apostar para impulsar un desenvolvemento sostible, “que permita satisfacer as necesidades do presente sen deixar a ninguén atrás, lograr un crecemento económico sostido e sostible e sen comprometer os recursos das próximas xeracións e minimizando os efectos sobre o medio ambiente”, subliñou a concelleira da área.

A participación cidadá canalizarase, principalmente, por medio dun formulario en liña que estará ao dispor da veciñanza no espazo web https://axendaurbana.aspontes.org, no que se pode consultar a principal información referida á elaboración desta estratexia. Ademais de información sobre o marco internacional e estatal no que se desenvolve, explica a finalidade e obxectivos que procura así como as novidades e avances que se produzan durante a implementación da Axenda. No espazo dedicado á consulta cidadá calquera cidadán pode achegar as súas ideas e opinións sobre como debe ser o futuro das Pontes, como explican desde o Concello.

Proxecto piloto

As Pontes é un dos 120 entes locais españois e un dos nove concellos galegos que elaborarán a súa Axenda Urbana no marco da convocatoria de axudas concedidas polo Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana. Unha elección que en palabras de Elena López responde “á capacidade das Pontes para elaborar un proxecto piloto transferible a outros moitos lugares de España, debido á súa calidade, singularidade e capacidade exemplarizante”.

A Axenda Urbana Española é un documento estratéxico, sen carácter normativo, e por tanto de adhesión voluntaria, que, de conformidade cos criterios establecidos pola Axenda 2030, a nova Axenda Urbana das Nacións Unidas e a Axenda Urbana para a Unión Europea persegue o logro da sustentabilidade nas políticas de desenvolvemento urbano. Constitúe, ademais, un método de traballo e un proceso para todos os actores, públicos e privados, que interveñen nas cidades e que buscan un desenvolvemento equitativo, xusto e sostible desde os seus distintos campos de actuación. Esta estratexia de desenvolvemento urbano de carácter integrado artéllase arredor dun Decálogo de Obxectivos Estratéxicos que despregan, á súa vez, un total de 30 obxectivos específicos e 291 liñas de actuación, poñendo ao dispor de quen estea interesado na súa implementación, un verdadeiro “menú á carta” para que poidan elaborar os seus propios plans de acción, como apuntan desde o Concello.

Diario de Ferrol