Os ponteses podemos estar tranquilos.
O futuro industrial das Pontes volve estar en marcha.
Non porque abrise unha nova fábrica. Tampouco porque centos de traballadores comezasen a fichar esta semana nunha nova industria. Nin sequera porque se colocase a primeira pedra dalgún dos grandes proxectos que levamos anos vendo anunciados.
Non.
Esta vez sabemos que o futuro está chegando porque celebramos outra xornada para falar del.
Baixo o prometedor título «As Pontes construíndo futuro», a Asociación de Empresarios SEARA reuniu representantes empresariais e da Administración galega para analizar as «oportunidades e retos» que afronta Galicia en materia de investimento e desenvolvemento económico. Durante o encontro falouse de competitividade, transformación dixital e tecnolóxica, atracción de empresas, grandes investimentos, efecto tractor e cadeas de valor locais.
Non falta de nada.
Retos.
Oportunidades.
Competitividade.
Transformación.
Efecto tractor.
Cadeas de valor.
Se a transición xusta se medise pola cantidade de conceptos que somos capaces de introducir nunha mesa redonda, As Pontes sería probablemente un dos municipios máis industrializados de Europa.
Xa só nos falta que todas esas palabras veñan acompañadas de fábricas.
Hai apenas unhas semanas publicabamos «A transición xusta pontesa: demolicións, cursos e charlas de expertos en sustentabilidade».
Aquel artigo nacía dunha imaxe difícil de superar: apenas vinte e catro horas despois da voladura das catro torres de refrixeración, As Pontes acollía un foro dedicado a analizar os «retos e oportunidades da transición».
Mentres aínda estaba recente o po das torres, falabamos de sustentabilidade, innovación, resiliencia, economía circular e novos horizontes.
Pois ben.
Mes e medio despois seguimos avanzando.
Agora xa estamos directamente «construíndo futuro».
Iso si: de momento, seguimos construíndoo principalmente con xornadas, relatorios, estratexias, mesas redondas, titulares, presentacións e unha cantidade de vocabulario técnico que empezaría a facer necesaria a creación dun dicionario específico da transición pontesa.
Porque aquí levamos xa varios anos aprendendo termos novos.
Antes unha industria medíase pola xente que traballaba nela, polos camións que entraban e saían, polas empresas auxiliares que vivían ao seu redor, polos salarios que deixaba na comarca e polos mozos que podían quedar a vivir no municipio.
Agora parece que tamén debemos medila en resiliencia, ecosistemas empresariais, sinerxías, transformación dixital, retos, oportunidades e efectos tractores.
Todo moi moderno.
O inconveniente é que unha nómina segue sen poder imprimirse desde un PowerPoint.
Durante a última xornada, o secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, afirmou que existe un «contorno favorable» para atraer novas empresas e explicou que a Xunta analiza novos proxectos empresariais todas as semanas.
Segundo indicou, isto é sinal de que «as cousas se están a facer ben».
Oxalá.
Porque nas Pontes levamos tanto tempo analizando o futuro que empezamos a ter ganas de coñecelo persoalmente.
Non nunha diapositiva.
Non nunha recreación.
Non nunha nota de prensa.
Non nunha xornada sobre os retos do territorio.
Funcionando.
Hai, ademais, un detalle que fai especialmente curiosa a elección de SEARA como organizadora dunha xornada titulada «As Pontes construíndo futuro».
Convén lembralo, aínda que só sexa por poñer as cousas en contexto.
En 2024, cando se discutía a conservación da cheminea e doutras instalacións da central, o presidente de SEARA, José Castro, recoñecía o seu carácter emblemático pero afirmaba que As Pontes estaba «abocada ao desmantelamento pola absoluta necesidade de chan industrial».
A Plataforma para a Defensa do Patrimonio Industrial afirmou posteriormente que SEARA e Cohempo presentaran escritos favorables á demolición da cheminea e solicitou que fosen revogados.
E pouco despois chegou unha aclaración bastante relevante: segundo publicamos en Amigos de As Pontes, as directivas de ambas asociacións recoñeceron que se pronunciaran sobre o derrubamento da cheminea e do parque de carbóns sen consultar aos asociados e sen dispoñer da información adecuada, admitindo tamén que esas instalacións non afectaban á dispoñibilidade de solo industrial.
Por iso resulta inevitable apreciar certa ironía na secuencia.
Primeiro, o desmantelamento parecía necesario para conseguir solo sobre o que construír futuro.
Despois soubemos que, en realidade, aquelas instalacións non impedían dispoñer dese solo.
E agora organizamos unha xornada para explicarnos como construír futuro.
Digamos que o proceso de planificación seguiu unha orde pouco convencional.
Pero SEARA é apenas unha parte dunha cuestión moito máis ampla.
O problema non son as xornadas.
Nin os cursos.
Nin os expertos.
Nin falar de sustentabilidade, innovación ou transformación dixital.
Todo iso pode ser útil.
O problema aparece cando o relato da transición empeza a ter máis presenza que os seus resultados.
Porque unha xornada pode analizar oportunidades, pero non crea por si mesma emprego.
Un plan estratéxico pode falar de cadeas de valor, pero non paga salarios.
Un experto pode explicar durante dúas horas como debe transformarse un territorio, pero ao rematar a conferencia os veciños seguen vivindo no mesmo territorio que había antes de comezar.
E unha presentación pode ter gráficos extraordinarios.
Incluso animacións.
Pero segue sen ser unha fábrica.
Nas Pontes xa tivemos anuncios, proxectos, cifras millonarias, estimacións de emprego e magníficas perspectivas de futuro.
E proxectos hai actualmente. Algúns avanzan na súa tramitación y outros continúan sendo posibilidades que poderían acabar materializándose.
Oxalá o fagan.
Pero precisamente despois de todo o vivido convén diferenciar tres conceptos que ás veces parecen confundirse con demasiada facilidade:
un proxecto anunciado, un proxecto en tramitación e unha industria funcionando.
Non son o mesmo.
A última é a que contrata.
A última é a que paga nóminas.
A última é a que permite que unha familia decida quedar nas Pontes ou virse para acó.
A última é a que abre talleres, mantén transportistas, contrata servizos, enche comercios e crea actividade arredor dela.
Todo o demais pode ser necesario para chegar ata alí.
Pero non é chegar ata alí.
Mentres tanto, o que si avanzou cunha extraordinaria eficacia foi o desmantelamento.
As catro torres de refrixeración xa desapareceron, e non foi o día das festas do Carme porque aos ponteses non lles gusta que se rían deles, pero aínda menos que lles mexen na cara.
O parque de carbóns tamén ao carallo.
E paralelamente seguimos perfeccionando unha transición xusta cunha capacidade aparentemente inesgotable para producir foros, cursos, xornadas, mesas redondas e expertos que nos explican os retos e oportunidades do futuro.
Hai que recoñecer que, neste apartado, o éxito é indiscutible.
Se algún día a industria chega coa mesma velocidade coa que chegan os coloquios, teremos resolto o problema.
Quizais por iso deberiamos recuperar algunhas palabras moito menos sofisticadas.
Fábricas.
Emprego.
Investimento.
Nóminas.
Non quedan tan ben nunha presentación sobre resiliencia territorial.
Pero teñen unha característica interesante:
a xente entende perfectamente o que significan.
Na xornada organizada por SEARA tamén se falou da necesidade de que os grandes investimentos teñan un «efecto tractor» e reforcen as «cadeas de valor locais».
Perfecto.
Unha fábrica con cincocentos traballadores tamén ten efecto tractor.
Unha industria que compra a provedores locais tamén crea cadeas de valor.
Unha empresa que deixa salarios cada mes no municipio tamén transforma o territorio.
E un mozo que atopa aquí un emprego estable e decide non marchar tamén podería considerarse, se queremos poñernos técnicos, un excelente indicador de resiliencia.
Ao mellor non precisamos inventar tantos conceptos.
Ao mellor o futuro industrial das Pontes resulta bastante máis fácil de explicar do que parece.
Unha nave.
Maquinaria funcionando.
Traballadores entrando pola porta.
Camións entrando e saíndo.
Empresas auxiliares facturando.
Mozos que poidan quedar a vivir aquí.
Iso tamén é transición.
E presenta unha enorme vantaxe fronte ás estratexias, os foros, os retos, as oportunidades e os PowerPoints:
pódese ver.
Hai unhas semanas rematabamos o anterior artigo cunha pregunta:
«Onde está a industria que debía substituír á que xa perdemos?»
Despois da última xornada parece oportuno engadir unha segunda:
Deja tu comentario