As Pontes, 20 de abril de 2021. A Xanela, asociación de discapacitados activos das Pontes porá en marcha, nas vindeiras semanas, un programa de respiro familiar co obxectivo de apoiar ás familias pontesas e ofrecerlles un recurso que lles permita desenvolver a súa vida familiar e social dun xeito máis satisfactorio.

O programa de respiro familiar permitirá realizar intervencións terapéuticas con persoas maiores, con algún tipo de demencia ou deterioro cognitivo, cun grado de dependencia moderada, así como coas súas familias, favorecendo á conciliación familiar.

O programa está deseñado para proporcionarlle ás familias tempo de descanso e lecer así como un servizo de atención ás necesidades que poidan xurdir, de forma inesperada, durante o desenvolvemento do mesmo.

Carlos Castro, presidente da Xanela incide na importancia deste novo servizo xa que “durante os últimos anos vimos observando un aumento crecente de familias que precisas asesoramento e axuda para atender ás persoas maiores con demencias e/ou trastornos cognitivos. Con este programa o que tratamos é dar resposta a esta necesidade, a través de intervencións baseadas na estimulación cognitiva, para conseguir unha maior calidade de vida e benestar, tanto das persoas maiores como das súas familias”

As persoas interesadas en participar neste programa, que se desenvolverá de luns a venres, de 09:30 a 13:30 horas, deben pasarse polas instalacións da Xanela, localizadas na rúa que leva o mesmo nome e cubrir a solicitude de inscrición. En función da demanda do servizo habilitarase un horario de tarde.

O horario de atención de A Xanela é de luns a venres de 10 a 14h e os martes de 16 a 19h, cita previa nos teléfonos  981452416 / 607230249

A Xanela

 A Xanela, asociación de discapacitados activos, membro de Cogami, con case 20 anos de experiencia no sector, ten como obxectivo mellorar a calidade de vida e fomentar a integración social das persoas con diversidade funcional e as súas familias, a través de actividades terapéuticas, levadas a cabo por un equipo de traballo multidisciplinar, que combinan a estimulación cognitiva coa física, por medio de actividades terapéuticas, de lecer e tempo libre.

Situada no municipio de As Pontes, conta con 220 socios e 28 usuarios. Diríxese a persoas con discapacidade física, psíquica e sensorial do concello e poboacións limítrofes así a como aos seus familiares e contorna social.