As Pontes, 28 de agosto de 2024.- Segundo o acordo da súa Asemblea, a Plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes ten programada para os vindeiros dias unha serie de actividades orientadas a dar a coñecer as súas propostas, concretadas no seu Manifesto do 5 de Agosto, e a rachar coa desinformación que dende distintos ámbitos, tamén institucionais, estase a promocionar con moitos medios orientadas á defensa de intereses privados en todo o relacionado co desmantelamento da Central.
A primeira actividade realizarase mañá, xoves 29 de agosto, con motivo do primeiro mes da constitución da Plataforma, cunha recollida de sinaturas do Manifesto, que comezará ás 9:00 diante do Concello e se moverá por distintas prazas.
Tamén ten solicitadas a Plataforma varias reunións con axentes implicados moi directamente, como a propia Endesa, solicitude que se tramitou dende o pasado luns 26 de agosto, non recibindo polo momento contestación.
No relacionado co Concello, a Plataforma está á espera de que o alcalde fixe e comunique unha comisión solicitada dende o mércores 21 de agosto que, a xuizo da Plataforma, deberia ser antes da convocatoria do Pleno, extraordinario e monográfico, que terá que celebrarse, como máximo, o día 9 de setembro, no caso da convocatoria polo alcalde; de non ser así, o Pleno debería ser convocado pola Secretaria do Concello o para o dia 23 de setembro, ás 12:00 horas, segundo establece a lexislación.
Nesa xunta de voceiros, a Plataforma ten como principal obxectivo dar a conecer os seus argumentos, que se basean principalmente no Manifesto 5 de agosto. Un dos puntos centrais é o estado do expediente para a declaración da Cheminea das Pontes como Ben de Interese Cultural (BIC). A Plataforma quere salientar o descoñecemento xeneralizado entre a poboación, e mesmo no propio Concello, sobre este expediente. A declaración como BIC non prosperou no primeiro prazo establecido porque se considerou que non había suficiente apoio popular, unha percepción fomentada polo propio Concello. Non obstante, esta situación mudou desde a constitución da Plataforma o 29 de xullo.
Nos últimos dias, a Plataforma está a facer contactos con outras organizacións, entes e institucións, mesmo con persoas de referencia na materia, e continúa a recibir apoios ao seu traballo e obxectivos.
Deja tu comentario