Durante a reunión mantida na Xunta de Galicia, o Concello, a Consellería de Industria e os sindicatos UGT, CCOO e CIGA acordaron solicitar Endesa o mantemento dos contratos do persoal das compañías auxiliares que traballa, na actualidade, no desmantelamento da Central Térmica e a axilización do inicio do desmantelamento da Unidade de Produción Térmica das Pontes.
Así mesmo, solicitouse a Endesa que facilite a formación necesaria aos traballadores e traballadoras que se atopan en activo para poder ter continuidade nas labores de desmantelamento.
Ana Pena, concelleira de Industria, ao remate do encontro, incidiu na importancia desta solicitude “é necesario que Endesa se implique para axilizar os trámites e iniciar, canto antes, o desmantelamento da central térmica como chaves para o mantemento dos postos de traballo das empresas auxiliares”.
Pola súa banda, Nicasio Pena, secretario enerxético de UGT FICA Galicia e Juan Carlos López Corbacho, secretario xeral de CCOO Industria de Galicia puxeron de manifesto a preocupación sindical polo mantemento do emprego dos traballadores que están agora na predesmantelación e a súa continuidade, instando a que se inicie canto antes o desmantelamento da Central Térmica.
Nesta liña, a conselleira subliñou que a Xunta emitiu en prazo a totalidade dos informes sectoriais necesarios para a emisión da licenza que permita comezar co desmantelamento e louvou o traballo conxunto entre administracións para sacar adiante toda a parte de tramitación administrativa en tempo. Segundo apuntou, agora tan só resta que Endesa atenda o requirimento efectuado polo Concello das Pontes para obter o permiso para poder continuar coas tarefas. “Se se cumpre ese requirimento, estaría en prazo para comezar nesas datas eses novos traballos que darían continuidade ao emprego”, insistiu.
“O que pretendemos é garantir a totalidade dos empregos dos traballadores da industria auxiliar da térmica pontesa – subliñou a conselleira de Economía e Industria – e obtivemos o compromiso de Endesa de realizar a formación de prevención de riscos laborais durante este mes para que todos os traballadores que interviñeron durante a fase de predesmantelamento estean en condicións de poder pasar a esa fase de desmantelamento e sobre todo que se inicien canto antes estes novos traballos”, engadiu.
Nesta liña, María Jesús Lorenzana apuntou que a empresa anunciou a súa intención de, unha vez obtida a licenza para a realización da segunda fase, a de desmantelamento, axilizar todos os trámites previos á contratación do persoal traballador. Nomeadamente, o Plan de residuos e o Plan de seguridade e saúde laboral co obxectivo, subliñou a titular de Economía e Industria, de que “os contratos se poidan encadear da maneira máis áxil”.
https://terrachaxa.com/
Deja tu comentario