As Pontes, 26 de xullo de 2026 – A Fundación Ría, do recoñecido arquitecto David Chipperfield, gañador do premio Pritzker en 2023, enviou unha carta á Asociación do Patrimonio Industrial das Pontes subscribindo o seu apoio ás súas reivindicacións para a suspensión cautelar da demolición das Torres de Refrixeración da Central Térmica das Pontes, prevista para o vindeiro 30 de xullo, ata que se realice unha avaliación patrimonial do conxunto e se elabore un plan director de conservación, mantemento e desenvolvemento futuro.

David Chipperfield- Presidente y Fundador Fundación RIA
«Consideramos que ningún elemento de valor patrimonial debería ser derrubado sen que antes se realice unha avaliación técnica rigorosa que identifique o que constitúe patrimonio industrial dentro do complexo. Proceder sen esa identificación previa supón un risco irreversible para un legado que non se pode recuperar», sinala a Fundación Ría na súa carta.
Este apoio súmase así ao doutras 14 institucións —entre elas ICOMOS España, TICCIH España, Fundación DOCOMOMO Ibérico, Hispania Nostra e INCUNA, ademais de SEDPGYM, o Colexio Oficial de Doutores e Licenciados de Galicia, o Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, o proxecto de investigación 3DLAND, a Aula de Patrimonio da Universidade Politécnica de Madrid, APATRIGAL, BUXA, AMCTAIC e o Centro de Estudos do Alfoz de Gauzón (CEAG)— que representan unha base social científica de miles de persoas. A estes apoios institucionais súmanse de xeito individual case 40 científicos, técnicos e investigadores de recoñecido prestixio, 9 catedráticos, 21 doutores e demais especialistas de 10 universidades de 7 autonomías, de disciplinas tan diversas como arquitectura e urbanismo, xeografía e ordenación do territorio, historia e historia da arte, enxeñaría civil, industrial e de minas, humanidades e ciencias, economía ou turismo.
Todas estas voces, dun xeito ou doutro, subscribiron —a través de apoios formais ou mediante informes técnicos independentes— o potencial valor patrimonial do conxunto e a necesidade de realizar unha avaliación previa, algo que non será posible unha vez producida a demolición, dado o seu carácter irreversible.
Conseguido isto sen apenas recursos, queremos que se sumen máis voces da técnica e da ciencia. Agradecemos á xente experta que comparta os nosos argumentos, xa sexa emitindo comunicados públicos ou enviándonos cartas de apoio subscribindo as nosas reivindicacións.
A Asociación do Patrimonio Industrial das Pontes confía en que este clamor técnico e científico sexa atendido antes da data prevista para a demolición.

Deja tu comentario