Dende a Plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes temos o pracer de comunicar, nestas datas de Nadal, que o expediente de declaración da cheminea da Central Térmica das Pontes como Ben de Interese Cultural (BIC), impulsado pola Plataforma hai algo máis dun ano e amplamente respaldado pola veciñanza das Pontes, conta xa con dous informes favorables emitidos por órganos consultivos competentes.
Este feito supón un paso decisivo no procedemento administrativo, pois, de acordo co establecido na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural dispón neste momento das ferramentas técnicas necesarias para resolver favorablemente a declaración, con base en criterios obxectivos, contrastados e plenamente fundamentados.
Dende a Plataforma confiamos en que os criterios técnicos coincidan cos criterios políticos, e agardamos que a resolución definitiva chegue á maior brevidade posible. Trátase dunha demanda xusta, sostida no tempo, pola que se leva loitado con perseveranza e que conta coa esperanza e a expectativa dunha parte moi significativa da poboación das Pontes. Con amplios apoios de institucións técnicas a nivel estatal e internacional e, dende hoxe, con dous informes de institucións consultivas acreditadas pola lei.
Celebramos, por tanto, a consecución destes dous informes favorables como un fito colectivo, froito do traballo rigoroso, da mobilización social e do compromiso coa defensa do noso patrimonio industrial.
Ao mesmo tempo, queremos reiterar que a Plataforma mantén activa a solicitude formal adicional da incoación do expediente BIC do Parque de Carbóns e unha unidade funcional representativa da Central (integrada por unha torre de refrixeración, unha turbina e unha caldeira), en concordancia con demandas multisectoriais expertas, solicitude que non responde a unha posición maximalista, senón á vontade de garantir a conservación —ou cando menos a avaliación técnica rigorosa— doutros elementos esenciais dun complexo industrial único, e que poderían ter amplos e variados usos.
Neste sentido, volvemos reclamar a creación dunha comisión técnica interdisciplinar, coa participación das administracións implicadas, da empresa propietaria e da representación social, tal e como se recolle no noso Manifesto do 5 de agosto, subscrito por máis de 2.000 persoas das Pontes. Entendemos que só a través dunha avaliación compartida, transparente e baseada en criterios técnicos se poderá tomar unha decisión responsable sobre o futuro destes elementos.
A Plataforma reafirma así o seu compromiso cunha defensa serena, documentada e construtiva do patrimonio industrial das Pontes, entendéndoo como parte esencial da nosa identidade colectiva e como unha oportunidade de futuro para o territorio.
CONTACTO
- Email: plataforma-patrimonioindustrial@gmail.com
- Instagram: @plataformapatrimonioindustrial
- Twitter/X: @PatrimonioAs
- Facebook: Plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes

Deja tu comentario