A cantante Sofía Espiñeira, unha polifacética artista mugardesa fincada actualmente en Santiago, prepara as imaxes promocionais do seu novo disco no lago das Pontes coa colaboración das pontesas Carolina Díguele e Isabel O’ Connor.
«Carolina e eu coñecémonos de traballar xuntas na compañía teatral Elefante Elegante. Tiña moitas imaxes na cabeza para o disco pero non sabía como facelas realidade e chameina», di a cantante entre risas, que confía en que deste traballo salga o material que necesita para acompañar as súas cancións e, quizais, algo para videoclip.
«É o meu segundo disco, Xeografías, moi en relación a crises internas e persoais, con moito vínculo coa natureza. Sempre tiro de moitos temas universais que nos atravesan a todo o mundo», di a cantante, que indica que con esa idea de cambio físico e emocional pensaron en facer algo relacionado co mar, «un espazo simbolicamente máis cambiante, máis arriscado».
Un espazo máis controlado
«A idea inicial era o mar pero o lago era un espazo máis controlable para nós», indica Carolina, que explica que en todo momento colaborou o Club de Vela das Pontes e o seu presidente, Miguel Ferreiro, que lles prestou embarcación, material e apoio loxístico.
A compositora mugardesa deuse a coñecer en 2016, tras gañar o Certame de Canción de Autor do Concello de Teo.
EL PROGRESO
Deja tu comentario